5.7.05

Obituario dun esquío

Hoxe pola mañán vin un esquío. Rápido coma un lóstrego cruzouse na estrada. Avanzou, viume, recuou. A súa aparición colleume por sorpresa. Sen tempo para reaccionar, só puiden ver a súa cola axitarse.
Segundos despois o becho desaparecía debaixo do meu coche. Notei cómo a roda dereita sobrepasaba o bulto do malfadado. Aflito, mirei polo espello retrovisor: a cabeza e medio corpo estaban esmagados. A xentil criatura, xa non era máis que unha cola pegada a unha masa de sangue e carne informe. Sentínme culpable durante un bo tempo. Pola tarde, xa me esquecera del.
Agora, recordándoo, viñéronme dous nomes á cabeza: Fernando Esquío por razóns obvias; e Cioran, polo mesmo.
O primeiro escribiu aquilo de:
Seu arco na mão a las aves tirar,
e las que cantavan non as quer matar,
a las aves, meu amigo

Do segundo decidín resgatar o seguinte:
A vida é etérea e fúnebre como o suicidio dunha bolboreta.
Ou dun esquío, engado eu.

1 Comments:

Blogger sara jess said...

acabo de entrar no blog por vez primeira. gostei. gústame esta historia do esquío. e a cita do suicidio da bolboreta. seguirei visitándote.

15 de novembro de 2007 às 12:57  

Enviar um comentário

<< Home