8.6.05

Terra Australis

Australia. Cando penso en Australia recordo un coxín co debuxo dun koala no sofá da casa da aldea, trouxérao un veciño emigrado como regalo para os meus bisavós. Sempre sospeitei que aquilo non era simple coincidencia. Australia ten en común con Galiza que está chea de eucaliptos, e ten de diferente que está chea de canguros. O capitán Cook ía un día navegando polos mares do sur e deu con Tasmania, seguiu navegando e recorreu toda a costa leste australiana, por iso se di que o Capitán Cook descubriu Australia. Galiza está oculta nos telexornais, agardando que algún navegante a descubra. Un día, os homes de Cook viron un canguro, e sorprendidos, preguntáronlle aos paisanos que andaban por alí, qué era aquilo, os paisanos dixeron kaguru. Os homes de Cook decidiron copiar aos paisanos e chamaron así ao estraño animal. O conto di que kaguru na lingua daqueles paisanos quere dicir “non o sei”. Non hai constancia de que os paisanos foran galegos. Australia, na peli Los lunes al sol é o lugar soñado, o radicalmente outro. O país onde non hai paro e as rapazas son todas guapas. A peli foi rodada en Vigo porque daba ben o aspecto de lugar en crise e decadente, non porque as viguesas foran feas. Cando na Galiza vai frío, en Australia vai calor, cando na Galiza é noite pecha en Australia está a amencer. A isto chámaselle ser as antípodas. Ambrose Bierce no seu Dicionario do demo define Australia como o país que se topa nos mares do Sur e no que o seu desenvolvemento industrial e comercial se viu inexplicablemente retrasado por unha inoportuna disputa entre os xeógrafos sobre se se trata dun continente ou dunha illa. Na Galiza tal debate non se deu pero isto non evitou o atraso no desenvolvemento industrial e comercial. Hoxe Australia é un país rico e moderno. Galiza tamén. País, quero dicir. Ás veces dame por xogar ao mundo ao revés. Eses días síntome como se vivira nun país diferente. É entón cando imaxino que Fraga gaña por maioría absoluta en Melbourne e que na Galiza... na Galiza goberna un paisano con ganas de facer o australiano, é dicir, comportarse nas antípodas de como se comportaría don Manuel.