1.6.05

A pregunta do millón

Nas eleccións de febreiro en Portugal, puidemos comprobar como o PS obtiña a maioría absoluta, pero isto, sorprendentemente para alguén que extrapole esta realidade á política española, non significou un retroceso do voto á esquerda dos socialistas. Todo o contrario, tanto o PCP como o novedoso Bloco de Esquerdas obtiveron cadanseu bo resultado.
No Estado Español, o PSOE tamén gañou unhas eleccións discurridas nunhas circunstancias moi especiais, onde a esquerda se concentrou nos socialdemócratas co fin de impedir un recunque dun PP moi forte. No caso peculiar do Estado Español está claro que as tensións nacionais o condicionan todo. Isto provoca que só nas “periferias” xurdan alternativas pola esquerda de certa entidade ao Partido Socialista, pois os que en potencia poderían formar parte do eleitorado de IU, tenden a apoiar -por mor de evitar que nacionalismos non españolistas cobren demasiado peso- ao partido máis grande. Pero tamén provoca que o neoliberalismo manifesto do PP, sexa mellor dixerido ao vir envolto no seu españolismo de reacción, por moitos dos que noutras circunstancias se sentirían os primeiros agraviados desas políticas económicas. Así e todo, as movilizacións contra a LOU, contra a xestión do tema Prestige, ou en contra da guerra no Iraque, demostraron que hai un novo protagonismo da sociedade civil.
Tras a derrota do SDP en Renania do Norte-Westfalia, o lugar onde naceu a versión máis social do capitalismo, un histórico lider dese grupo como Oskar Lafontaine -despois de ter feito no medio da campaña claras críticas ao neoliberalismo- anunciou que deixaba o partido, para criar unha nova formación á esquerda dos socialdemócratas alemáns. E falar da socialdemocracia xermana non é falar de calquera cousa.
Hoxe comentaban na radio un artigo de Sami Nair –que non lin- publicado na prensa francesa, no que sostiña que os resultados do referendum sobre Constitución en Franza, evidenciaban unha crise de calado no pensamento socio-liberal que prendeu en Europa tras a Segunda Guerra Mundial. Sen dúbida, a semellanza do SPD, no Partido Socialista Francés tamén hai visos de quebra. Nun país cun sector público tradicionalmente moi forte, cunha sociedade culta e acostumada ao debate, onde a forza dos grupos altermundialistas -con líderes tan carismáticos como José Bové- é considerable, ou cuns sindicatos moi belixerantes no tema social –a diferenza do que sucede cos españois por certo-, é difícil resistir á presión, o que está levando a moitos dirixentes do PSF a posturas máis críticas que até o de agora.
Coa victoria histórica de Blair, como argumento que contradí todo o exposto, podémonos preguntar sen cair en falsos entusiasmos:
Está a nacer outra esquerda posible en Europa, ou estamos asistindo ás derradeiras resistencias agónicas dunha ideoloxía feita cascotes o día que caiu o muro de Berlín?