13.6.05

Iribarne, a cólera de Deus

No ecuador da campaña, cando semella que cobra pulo a posibilidade de botar a todo ese séquito de rémoras inútiles que X.M. Beiras chamaría a peste fraguiana, venme á mente unha película que reflexa o que sinto cando vexo na televisión a esa caricatura de si mesmo en que se converteu o noutrora omnipotente león de Vilalba.
Aguire, der Zorn Gottes (Aguirre, a cólera de Deus) de Werner Herzog, conta a historia de Lope de Aguirre, un home con enormes ansias de poder que se subleva contra os seus superiores e comeza unha busca desesperada pola súa conta do Dourado, desfacéndose polo camiño de todo aquel que ouse facerlle sombra. Despois de penosas xornadas por unha floresta inzada de perigos, os sobrevivintes conseguen descer río abaixo nunha balsa de madeira. Pouco a pouco, un grupo de indios van matando a todos desde a beira, só sobrevive un Aguirre tan cegado pola súa loucura que é incapaz de ter consciencia da súa situación. A película paga a pena vela só pola escea do final, onde un xenial Klaus Kinski no papel dun Aguirre delirante, deambula na precaria embarcación de paus, soñando cun futuro imposible, urdindo ambiciosos proxectos fracasados, ante o exército de pequenos macacos que invadiu a balsa, e que, coma pulgas choutando na area, son testigos rebuldeiros e bobos dos disparates do gran home.
Pase o que pase o vindeiro día 19, Iribarne, deixará nas nosas retinas coma despedida da súa vida política, unha imaxe tan patética coma a que deixa o Aguirre de Herzog.