12.6.05

Europa vista desde as illas

Despois de onte ter o inmeso privilexio de acudir aos Premios Xerais de Novela na Illa de San Simón (e San Antón), e coa fermosa perspectiva de distanciamento co continente que iso da, hoxe non podo máis que retomar unha idea da que xa falei nalgún post anterior; e fágoa recomendando un artigo que aparece no suplemento do domingo do xornal El pais. Unha boa reflexión de Alain Touraine sobre o esgotamento da proposta socialdemócrata europea, algo que xa se viña intuindo en moitas das eleccións celebradas recentemente en diversos paises do noso entorno, e no xurdimento de novos discursos e novas praxes na esquerda europea e mundial.
Hai uns días vin a película My Fair Lady de George Cukor, baseada na obra teatral de George Bernard Shaw. Unha crítica amable á ridícula compartimentación das clases sociais, a partires dunha serie de convencións prestablecidas de comportamentos, linguaxes ou atuendos. Na edición ofrecida polo mesmo xornal que hoxe publica a Touraine, aparece un comentario de Haro Tecglen onde nos conta que Shaw era socialista, concretamente profesaba un socialismo coñecido como Fabiano. Este nome venlle do xeneral romano Fabius Cunctator, ou o que retrasa, o lento. Penso que encaixaría perfetamente con este fabianismo e coa socialdemocracia en xeral, aquilo que dicía Mark Twain de que os costumes son costumes e nengún home debe guindalos pola fiestra; debe engatusalos e facer que baixen polas escadas de chanzo en chanzo.
E se até o de agora parece que a cousa funcionou, empeza a haber sinais que indican que o modelo chegou a un nivel tal de cautela nos cambios, cando non de retroceso, que o que se autodefine como ideoloxía progresista, isto é, pensamento en movemento, sofre dunha grave esclerose, tan grave que, como no tópico do galego, non se sabe se sobe ou se baixa da escada, e á que non lle queda outra saída que a reformulación ou a parálise definitiva.

1 Comments:

Blogger Martin Pawley said...

Unha magnífica película, si señor.

17 de junho de 2005 às 23:08  

Enviar um comentário

<< Home