29.6.05

Divino tesouro

Di Theodor W. Adorno: “É característico do mecanismo de dominación impedir o coñecemento dos sofrimentos que provoca, e do evanxeo da alegría de vivir á instalación de matadoiros humáns hai un camiño recto, ainda que estén éstes, coma en Polonia, tan afastados que cada un dos seus habitantes pode convencerse de non ouvir os berros de dor”.
Este serán vin esa apoteose da decadencia e do patetismo que é Der untergang (El Hundimiento, disque) de Oliver Hirschbiegel. Ao principio e ao remate da película sae falando Trauld Junge, a que fora secretaria do Adolf Hitler máis tolo e delirante, incapaz de asumir que o Exército Ruso estaba ás portas de Berlín.
Tras a guerra, esta muller foi considerada polas forzas aliadas coma "xoven seguidora". Na súa intervención final dí que ela non sabía nada do que lles estaba a acontecer aos xudeos en Alemaña; tamén fala de cando anos despois, viu nunha praza pública, unha placa en homenaxe a unha rapaza xudea da súa mesma idade, asasinada o mesmo día en que ela comezara a traballar para Hitler.
Finaliza cunha frase que me fixo pensar: "Eu non sabía, pero poiden intentar saber. Que fora nova non me desculpa". Paréceme unha boa reflexión sobre a xuventude e a consciencia, moi acaida agora que moita xente nova -vímolo nestas últimas eleccións- "pasa" de interesarse por nada do que sucede ao seu arredor.