12.5.05

Tras 2666, toca 2046

Él lembra esa época pasada
como se mirase a traverso dun cristal coberto de po
O pasado é algo que pode ver, pero non tocar
todo canto ve está borroso e confuso.

"In the mood for love". Wong-Kar-Wai


Hoxe vin In the mood for love de Wong-Kar-Wai. A historia dun home e dunha muller que descobren que as súas parellas son amantes e que tentan, sen chegar a conseguilo, suplir as súas respectivas carencias afectivas mediante citas nun cuarto cun número na porta: 2046. A cifra que dará título á súa seguinte película.
Do cine deste home gústanme varias cousas:
1. A sensación xeral de melancolía que destila.
2. Que as súas personaxes fumen como se fumaba nas películas clásicas de Hollywood: con elegancia e parsimonia -será por iso que os seus protagonistas masculinos semellan unha mezcla de Humphrey Bogart e Clark Gable con ollos rasgados.
3. Que as bandas sonoras, cos seus valses decadentes, os seus boleros balorentos e ás súas arias sofisticadas, rezumen bo gusto e doten de deliciosa nostalxia ou de sutil sentido do humor ás diferentes esceas.
4. O xeito tan persoal que ten para mostrar o filmado. Case que espiando ás personaxes. A cámara observa colándose nas portas entreabertas, nos buratos da parede, na cornixa da fiestra, a traverso de cristais suxos ou cheos de vao...
5. A ausencia de contacto físico das personaxes. Onde collerse da man ten a mesma carga de intensidade que facer o amor ou bicarse.
6. As cámaras lentas a modo de suliñado.
7. E sobor de todo gústame a fragmentación dos planos mediante a utilización de espellos. Unha sorte de visión cubista da realidade.

2 Comments:

Blogger Martin Pawley said...

E os taxis. E os vestidos que leva Maggie Cheung, a muller que mellor camiña no cinema actual. E a chuvia.

Benvido a Wong Kar-wai, o único, o mestre, o futuro. E se non tivo ocasión aínda bótese a ver "2046", "Happy together" e "Chung-king Express".

18 de maio de 2005 às 00:34  
Blogger O Fuco said...

Grazas pola recomendación. 2046 xa a teño vista. Moi boa. Onte vin unha entevista co director na que comentaba que en "In the mood for love", o paso do tempo remárcase tamén pola comida que toman. Os pratos que aparecen son de temporada, algo que os occidentais non percibimos. Por sorte, ainda quedan peculiaridades non globalizadas.

18 de maio de 2005 às 20:30  

Enviar um comentário

<< Home