27.5.05

Fausto é do PSdG

Hai dúas castes de demócratas (descontando os que usan ese tiduo como disfraz): os que non queren máis que a democracia, e os que queren ademáis -e sobre todo- os seus froitos. Para os premeiros a democracia é un valo protector, en cuio recinto agardan faguer tranquilamente o seu negocio, pequeno ou grande. Para os segundos é un arbre, e quédanse pasmados cando alguén, chamándose demócrata, non quere deixalo froitificar ou pódalle as mellores ponlas para faguerlle inxertos inicuos.
(...)
Os formulistas e os hipócritas -a terceira caste- chegan a parecérense moito, quizais a seren os mesmos (non en vestidura, pero si no fondo dos móbiles e dos procedimentos) nos intres decisivos.
(...)
O demócrata realista, o que ten fe na boa vontade dun pobo, o que estima a democracia como un diálogo para chegar a un resultado -e non como unha regla conservadora-, non por isto nega que moitas cousas -as que o merezan- deban seren conservadas. Mais quere que a democracia opere para destruir as caducas. Daquela o formulista xeneraliza, e chámalle destructor. Pensa que o que quer non é faguer un horto, senón unha escombreira.
(...)
Si o formulista falase craramente desacreditaríase. Con moita solermia vaino embrullando todo, e ten para iso tan descarado inxenio que pode -chamándose demócrata até o fin- topar fórmulas para axudar aos enemigos da democracia ou para pactar con eles, con tal de que o seu valo, ou o seu negocio sexan respetados.


Hoxe, cando comecei a ler o artigo de Rafael Dieste de onde saquei estes extractos, collín medo. Pensei que espertara dun soño, que en realidade estabamos a vivir no primeiro de agosto do 1937 -ano da súa publicación na revista Nova Galicia- e o que é pior, que Francisco Vázquez por aquel entón xa era o alcalde d´A Coruña. Parecíame como se Dieste escribira este artigo en reacción ás declaracións do senador con máis testosterona de todo o partido da rosa, nas que falaba dun posible pacto cun sector do PP -caso de que este partido perda as eleccións- antes que co BNG.
Tranquilizoume moito fitar para o calendario e comprobar que no século en que andamos os anos xa non empezan por 19, pero o que non puido evitar que siga máis desasosegado que Fernando Pessoa correndo diante do boi de Allariz, foi cando repararei en que -aparte da extravagancia que supón que A Coruña ainda teña a este fulano de alcalde- Francisco Vázquez ten mando suficiente no PSdG como para impor o que Fole chamaría: un pauto co demo. Vade Retro.

1 Comments:

Blogger Ian said...

Agudo coma sempre. Pero erra nunha miudeza. O século si que comeza por 19, polo 19 de xuño. Agardemos que así sexa.

28 de maio de 2005 às 00:31  

Enviar um comentário

<< Home