30.5.05

Crónica anunciada dun debate furtado

Onte a Franza, o mesmo país en que naceu o conceto de cidadanía e de soberanía nacional tal como o coñecemos hoxe, deu un rotundo non á chamada Constitución Europea. Un non xurdido dun debate fundo na sociedade francesa. Un debate tan intenso, que mesmo provocou unha fenda no seo do Partido Socialista, e na que grupos vindos do movemento altermundialista como ATTAC, ou todo o mundo sindical, tiveron un peso moi importante.
Exactamente o que non sucedeu no Estado Español, onde só unha Izquierda Unida en horas baixas, e os sindicatos e partidos de esquerda da "periferia" levaron a bandeira do non crítico.
Semella que todo isto colleu co pé trocado aos grandes medios de comunicación do sur dos Pirineus e á súa intelligentsia orbitante:
Aos medios de dereitas porque -pese á súa ambigüedade calculada no referendum español, para tratar de desgastar ao goberno de Zapatero- saben que o non da Franza, ademáis de ser unha censura ao goberno de Chirac, amosa unha oposición ás políticas neoliberais, que, como a famosa directiva Bolkestein -tentativa de que os servizos culturais, educativos ou sanitarios sexan considerados meros produtos económicos susceptibles de seren privatizados-, queren facer da Europa un espello dos Estados Unidos, onde os traballadores mexicanos ou bolivianos, son sustituidos polos traballadores polacos ou checos.
Aos medios de esquerdas -se eles existir- porque o sucedido na Franza, está xa a provocar o debate menos desexado, o debate que eles mesmos, sen rubor algún, se negaron a promover cando o texto constitucional ía ser votado no Estado Español.
Entre divertido e patético, resulta escoitar agora aos mesmos que vendían a Constitución Europea como a panacea dos dereitos humáns -esquecendo conscentemente todo o que dicía a terceira parte do texto- a facer equilibrios intelectuais para recoñecer que non era ouro todo o que relucía cando, entusiasmados, nos convidaban a votar, e calar.

1 Comments:

Blogger Roberto Iza Valdes said...

Este comentário foi removido por um administrador do blogue.

2 de novembro de 2005 às 14:58  

Enviar um comentário

<< Home