18.5.05

Contrapunto a un contrapunto

Leo na web da Cadenaser unha información sobre a influenza dos blogues na conformación de opinión política. Segundo vexo, este medio ainda non é un fenómeno de masas, pero sí consegue ter certa influenza. Disque o que se di nun blog retroalimenta aos outros blogues e aos leitores dos mesmos, de xeito que a información acaba por fluir dun xeito efectivo.
Imbuido deste espíritu optimista, decídome a aportar un graiño de area co ánimo de que, por unha vez, sexa escoitada esta pequena frustración diaria que agroma na lectura da prensa do noso país.
Hoxe Javier Sánchez de Dios (un dos comentaristas políticos de peso no Faro de Vigo e non dos máis obtusos da prensa galega), escribe un artigo de opinión sobre a votación consensuada entre PSOE-BNG no congreso dos deputados para dar un pulo ao manido Plan Galicia co expresivo título de El satélite.
O que o xornalista ven dicir no artigo é que o BNG non estivo o suficientemente exixente co PSOE, que tragou co que lle puxeron diante pola necesidade seica, de buscar onde acubillarse tras as vindeiras eleccións. O señor síntese pouco menos que defraudado polo BNG, pola falta de belixerancia e pola deixación do seu caracter soberanista ao querer orbitar arredor de ZP. Exactamente o mesmo tipo de personaxe que gasta litros de tinta falando da radicalidade da UPG, do control de aceiro que impón Francisco Rodríguez, e da falta de altura de miras do BNG, hoxe, que non pode poñer unha tacha con eses argumentos á decisión dos nacionalistas de que se visualice a posibilidade dun cambio, pide máis contundencia, máis intransixencia e máis radicalidade.
O caso é poñer o contrapunto á portada do mesmo xornal, que evidenciaba a utilidade da representación nacionalista en Madrid para facer o que non se pode facer na Galiza: xestos que mostren a vontade de que haxa unha alternativa.
Cara ao final dá un pequeno tirón de orellas á apatía de ZP no tema das inversións na nosa terra, pero o que non aparece por ningures son os socialistas galegos, seica o PSdG non ten nada que dicir?, por qué non se lle demanda ao PSdG a mesma belixerancia e compromiso que aos demáis? non hai deputados galegos nos escanos socialistas que reclamen o que o señor Sánchez de Dios demanda?. Señor TP (touri-presente) por favor atenda ao señor da prensa como se merece.