17.4.05

Portugal ano cero

Fronte ás improbables lendas, ás abaleantes certezas e ás seguras inseguranzas que o tema da orixe da nación galega -por non falar do tema da súa existencia mesma- podería suscitar, Portugal ten unha grande vantaxe. Leo nun libro para turistas que D. Afonso Henriques, não aceitava que Fernão Peres de Trava, confidente da sua mãe, D. Teresa, a influenciasse no mau sentido, lesando os destinos da futura Pátria Portuguesa e que dese diferendo brotou a Batalha de S. Mamede. Así, a tarde do 24 de junho de 1128, data da Batalha, foi o Día Um de Portugal.
Pese ao complicado que resulta crer o feito de D. Afonso Henriques temer que ninguén lesara os destinos de algo que naquela altura ainda non existía, hai que recoñecer que en cuestión de precisión temporal, o choio é inapelable.
Esta fin de semana andei na vella Vimara, hoxe chamada Guimarães, o lugar onde se topa esa especie de outeiro-altar no que sobrancean o Castelo de Don Henrique e Dona Teresa -primeiros responsaveis do Condado Portucalense-, a igrexa, onde disque foi baptizado o seu fillo -Don Afonso Henriques-, e tamén esa xoia -de restauración recente- que é o Paço dos Duques de Bragança.
Estou certo que un portugués minimamente lúcido, achará que o lugar fede a grandilocuencia chauvinista, o mesmo que un español intelixente, sabe pechar o narís diante do tan imponente como monótono Escorial. Ainda así, un galego non menos crítico que o portugués e que o español, pero máis cheo de conflitos identitarios, non pode deixar de sentir certo abraio ante estes monumentos, por máis paifoco que pareza.
Dito isto, podo comentar que vivín un pequeno soño, deixando que a miña mente se transportara polo menos tan lonxe, coma á bretemosa Normandía, ao ver as grandes chemineas e os inclinados tellados do Paço; que disfrutei rememorando aquela escéptica Historia do Cerco de Lisboa, onde José Saramago, por medio de Raimundo Silva, describe como, Don Afonso Henriques e esa tropa de galegos como ele, "liberan" Lisboa dos mouros, eses outros portugueses que tiveran a desgracia de naceren demasiado cedo; por último, dicir tamén, que sentín ledicia ao ver, pendurada dunha das paredes do Castelo, unha lousa na que se le:

Homenagem à cultura Luso-Galaica
"A nossa língua floresce em Portugal" Castelao
"A minha pátria é a língua portuguesa" Fernando Pessoa
Guimarães. 7. Maio. 1988.