3.4.05

Obituario posmoderno

Onte morreu o Papa. O Papa viaxeiro, disque. E contraditorio: Tanto se opuxo á guerra do Iraq como se aliñou co Opus Dei e os seus dogmas reacionarios.
Se cadra, a súa relevancia histórica débase a ter contribuido na caida do muro de Berlín. As bondades do capitalismo entraron coma unha cachoeira nas anquilosadas ditaduras do leste europeu. Pero fixérono, iso si, igual ca un paxaro nun museu de cristais de Bohemia, escachando todo o que ainda ficaba en pé.
A portada de El pais de onte resaltaba en grande corpo de letra: El Papa agoniza. Na súa contraportada, en troques, falábase dunha serie de éxito da televisión rusa, na que se recorda con saudade e afabilidade a Bréznev, o dirixente da URSS dende o ano 1964 até 1982, todo un síntoma de que a fórmula "Deus e libre mercado" non brila coa intensidade prometida.
O único claro é que vivimos tempos nos que os xuizos absolutos son imposibles. Escoito aos partidos mais ou menos de esquerda expresar o seu pesar e lamento pola morte do Papa en diferentes grados de convicción. Sentir mágoa pola morte dun ser humán é lóxico, pero un Papa é tamén un axente político. Un esperaba algún comentario crítico.
Cinicamente, sorrío ao comprobar que, a corrente liberadora que era o pensamento de esquerdas, debe pagar, dende que o "telón de aceiro" se desmoronou, unha peaxe de silencio en moitos temas. É a carga dun sentimento de culpabilidade e de fracaso que, grande paradoxo!, mesmo o iguala ao pensamento cristián e á súa lousa do pecado orixinal.
Cando a esquerda era inocente e representaba a esperanza, lamentaría tamén a morte do cidadán Wojtyla, pero non dubidaría en lembrar, no pasamento de Xoán Paulo II, aquilo que segundo os evanxelistas Lucas, Mateo e Marcos, dixo Xesús: "Que difícil lles vai ser aos ricos entrar no Reino de Deus! É máis fácil para un camelo entrar polo ollo dunha agulla, que para un rico entrar no Reino de Deus".
Época descrida. Hoxe en día está menos claro ca nunca que haxa un Reino de Deus ao que ir, quer que sexa o de despois do xuizo final ou o de despois da revolución.
Conformámonos todos, con ir sorteando as nosas contradicións o mellor que podemos, e sen saber ben cara onde, ir tirando.