4.4.05

Liberdade...Igualdade...Fratern...Relixiosidade!

Os grandes ideólogos da nova orde mundial pódeno dicir máis alto pero non máis claro. Volveu o tempo das confrontacións de civilizacións. Fronte á ameaza do islam, o rearme confesional. Fronte Mahoma, Cristo nas súas diversas variantes. Protestantes, católicos, ortodoxos, todos choran a este Papa mediático que soubo unir o que Huntington chama Occidente. Os cidadáns de todos os paises europeos e americáns (sen esquecer aos nosos devanceiros, os pais de Israel, que para iso foron os que inventaron o choio), deben deixar ao lado as súas diferenzas e acubillarse baixo a sotana beatífica que os protexerá do mal. Bush reza, Ben Laden reza, Sharon reza, o mundo todo reza. A esquerda, acurralada pola forza deste Papa anticomunista, cala. O cidadán muta imperceptiblemente na figura do fiel.
Os que preferimos venerar a Diderot e a Voltaire e non a Yavhé e a Alá, laboramos máis do que oramos, e asistimos, como convidados de pedra, ao show.