21.4.05

A estratexia do arqueiro, ou, confianza vs. medo

Hase facer coma os arqueiros prudentes, que, -conscentes de que o lugar que desexan alcanzar se atopa demasiado lonxe e coñecendo ao mesmo tempo os límites da capacidade do seu arco- poñen a mirada a bastante máis altura que o obxectivo desexado, non para alcanzar coa súa frecha a tanta altura, senón para poder, coa axuda de tan alta mira, chegar ao lugar que se propuxeran.
O Príncipe, Nicolás Maquiavelo.

Xa temos data eleitoral. Os tres candidatos afirman acudir ás urnas coa convicción de chegaren a ser presidentes, pero só un deles pode fachendear de o ter sido anteriormente.
E digo eu: Conseguiron os outros dous (a verdade é que un deses dous a min non me enfeitizaría nen coa axuda do Merlín de Cunqueiro) enfeitizarnos dabondo? Tanto como para elevarmos as miradas alén do que intuimos que os seus respectivos arcos poden abranguer? Facémonos os inocentes e dicimos que sí vemos un cabalo onde só hai unha nube? Permitimos aos nosos ollos ir na dirección cara onde apontan co dedo, ou negámonos a ver nada máis que un "dedo-que-aponta"?
Maquiavelo ensínanos que para saltar un regato o mellor é facer forza como se estivesemos a saltar un río. Todo o que consigamos choutar, será máis camiño andado. E ha ser o correcto cando esta actitude é calificada polo florentino coma prudente. Porén, hai veces que esa estratexia pode conducir á frustración. Pretender avanzar dous pasos e retroceder tres. Chegar a crer que realmente estás en condicións de saltar o río... e acabar nau-Fraga-ndo... sen chaleque salvavidas.