12.4.05

Co pé trocado


Despois do rebumbio xurdido do asunto Beiras -convintemente amplificado pola prensa con vocación de oposición da oposición que temos neste país- unha pregunta asáltanos con temor: Cara onde nos vai conducir todo isto? Tras tantos anos como leva o nacionalismo a tentar converterse nunha forza estabilizada, seria e con posibilidade de gobernar, cómo pode suceder algo así a tan pouco tempo dunhas eleccións?
No Jaques o fatalista aparece misturada nun intre da conversa entre o astuto Jacques e o seu amo esta anécdota: Parte Esopo cara os baños. No camiño topa cunha patrulla de centinelas atenenses "Onde vas?" "Onde vou?" -resposta Esopo- "Non o sei" "Non o sabes? Pois para o cárcere!" "Védelo -contéstalles Esopo- Non vos dixen que ignoraba onde ía? Tiña a intención de ir aos baños e eis aquí que vou para o cárcere"
O BNG, igual que Esopo, semella estar nun impás onde non sabe cara onde vai. A diferenza entre os dous é que o protagonista da anécdota podía permitirse facer do seu camiñar libremente errático unha seña de identidade e o Bloque non. Esopo burlábase da patrulla atenense. O Bloque non pode rir do seu electorado. Pensabamos que o BNG ía camiño de formar parte do futuro goberno galego e eis aquí que o vemos -e con él á Galiza máis valiosa- correndo o risco de voltar á marxinalidade, o cárcere da política.