15.3.05

Xeo-política

Esta fin de semana pasada visitei as covas de Valporquero. Atópanse na vertente leonesa da cordilleira cantábrica, e chámanse así por unha pequena aldea próxima.
O guía, entre chistes rutineiros, contábanos algunhas cousas interesantes sobre a xeoloxía e a formación desas montañas e en particular daquela cova. Falou por exemplo, da grande dureza do manganeso, da porosidade da pedra caliza ou de como a mesma auga que vai furando a pedra durante miles de anos até formar a cavidade é a que acumula os minerais nas estalagtitas e nas estalagmitas para reencher o oco feito.
Dándolle voltas ao que escoitara, e lembrando que xa outra caverna grega fora moi usada como metáfora, ocorréuseme imaxinar á cova como un grande sistema que crece a costa da destrucción e ás estalagtitas e ás estalagmitas como dous polos de poder complementarios que achan imprescindible un estar arriba e outro abaixo. Todo encaixaba: o guía insistía en que a tendencia natural das estalagtitas e das estalagmitas é unirse. Ámbas as dúas tenden a tocarse no centro para tapar totalmente o espazo da cova. É un bipartidismo perfecto.
Na derradeira e máis espectacular sala, o guía ensinounos unha curiosidade pouco frecuente. Hai outro tipo de formacións que non crecen de xeito vertical. Grazas á existencia de correntes de aire imperceptíbeis que en puntos moi determinados se intensifican, estas formacións van acumulando os minerais en sentido horizontal. Son como pequenos apéndices saintes das paredes que rachan coa norma, por iso reciben o poético nome de estalagtitas excéntricas.
Toda a xente do grupo se fixo fotos e se marabillou con aquela catedral natural que do chan ao teito elevaba columnas e tubos de órganos pétreos. Eu, por levar a contraria, non deixaba de procurar coa mirada aquel anaquiño de mineral solidificado, que contra todo pronóstico, paseniñamente, conservaba o seu xeito propio de desenrolo alternativo, algo así como unha esperanza horizontal de non sei que.