20.3.05

A personaxe do día

Este sábado invertín catro gozosas horas do meu tempo nese exercicio estético que é Ludwig de Luchino Visconti. A historia de Luis II de Baviera, tamén chamado Luis o tolo. O rei que foi mecenas de Wagner, un romántico que acostumaba cabalgar á luz da lúa, namorado platonicamente da súa prima Isabel de Austria -a famosa Sissí-, soñador, católico e homosexual reprimido. Un home que se rebelaba contra a mediocridade do mundo construindo fabulosos castelos e que lle puxo o nome de Elsa á súa prometida Sofía de Austria, en honor á Elsa de Lohengrin. O derradeiro monarca de Baviera antes de ser obrigado a aceptar a integración na expansionista Prusia de Bismark. Un idealista na época da revolución industrial, personaxe fóra do momento histórico que lle tocou vivir. Financiando as artes e maldecindo guerras e política case leva á bancarrota ao seu país. Tras asasinar ao médico que o controlaba suicidaríase, ao xeito da Ofelia de Shakespeare, pois como el mesmo di na película, os que se matan afogándose non estragan o corpo.