9.3.05

O cultivo do odio


No século XIX, en plena efervescencia do movemento romántico, a pintura europea voltou a súa face cara ao Próximo Oriente, Exipto e o Magreb. Pintores como Ingrès ou Delacroix descubriron nestes paises un mundo cheo de oasis de palmeiras, obeliscos semienterrados, xeques de porte aristocrático, roupas suntuosas, cacerías de feras e haréns repletos de odaliscas de ollada lánguida que colmou a necesidade de pintoresquismo e de misterio escaso xa na industriosa Europa das chimineas de fume negro. Estas estampas popularizáranse no noso continente tras as aventuras expansionistas de Napoleón por algúns dos lugares que co tempo, virían sendo vítimas das voraces políticas imperialistas europeas. Qué lonxe esta visión do mundo árabe-musulmán en comparación coa actual. Dende o prisma contemporaneo mesmo parece que a historia fora unha grande elipse que comezara coas liortas medievais entre os reinos cristiáns e os islámicos e este comezo de século XXI onde o árabe volve encarnar ao antagonista absoluto. Semella como se no medio non tivese sucedido nada.
Pero todo problema ten as súas raiceiras. Tamén do XIX é a noveliña Hadji Murat de Liev Tolstoi. Aprendemos ao lela que o chamado conflicto checheno que de cando en vez emerxe con virulencia en forma de secuestros masivos, ou como onte, co asasinato do guerrilleiro Maskhadov, non é algo que saise da nada, senón que son éstas reedicións brutais de conflictos seculares, case sempre con trasfondo económico, aos que non se lle quere dar solución.
Nesta época neorrelixiosa na que renacen os fundamentalismos e a interpretación cultural dos conflictos, sería imposible achar representacións do árabe-combatente como as que vemos noutros pintores románticos franceses. Así, os árabes aparecen como xentes inofensivas e abraiadas ante a superioridade europea en Napoleón perdoa aos rebeldes do Cairo de Pierre Narcisse Guérin ou como dignos resistentes fronte a brutalidade das tropas napoleónicas en A revolta do Cairo (na imaxe) de Anne-Louis Girodet. Occidente prefire hoxe en día que a confrontación discurra en termos relixiosos porque nunha interpretación socio-económica perdería a batalla das ideas, por iso toda tentativa de criar un nacionalismo árabe laico tipo Nasser foi abortada e por iso levan anos impedindo a formación dun estado palestino.
O primeiro que hai que facer en toda guerra é construir un inimigo aquelado aos nosos intereses. Ao combater a loucos extremistas, non é necesario facermos autocrítica, pois é obvio que os valores das democracias europeas son, polo menos para os seus nacionais, mais respectuosos coa liberdade da persoa e os dereitos humáns que ese fato de encarapuchados fundamentalistas. Este reducionismo permite tamén unir a disparidade de intereses que poden albergar os cidadáns das diferentes sociedades occidentais baixo un mesmo paraugas. Circunscribir o conflicto a unha contenda relixioso-moral é a incubadora perfecta para que a histeria e o patetismo grandilocuente se apoderen, como na descripción da caida de Constantinopla de Stefan Zweij, da racional Europa:

En Santa Sofía (...) se reúnen aquellos que han sido señalados por la muerte.
(...)
El patriarca eleva ahora su voz poderosa, exhortándoles. Cantando, le contestan los coros. Una vez más, suena en ese espacio la sagrada, la eterna voz de occidente, la música. Entonces uno tras otro, el emperador primero, suben al altar para recibir el consuelo de la fe.
(...)
La última misa del imperio romano oriental, la misa de difuntos, ha comenzado, pues la fe cristiana vive por última vez en la catedral de Justiniano.
Posted by Hello