6.3.05

Mesa-camilla con Hannah Arendt

Reflexións extraidas de The origins of the totalitarianism

Posta en escea
En 1894, Alfred Dreyfus, un oficial xudeu do Estado Maior francés foi acusado e condeado por espionaxe en favor da Alemaña. Tras o chamado affair Dreyfus foi perdoado polo presidente da República pero non absolto do delito do que se lle acusaba.

Unha cuestión controvertida: o pobo e o populacho
"O populacho é principalmente un grupo no que se encontran representados os refugallos de todas as clases. Esta característica torna fácil a confusión do populacho co pobo, que tamén comprende a todos os estratos da sociedade. Mentras o pobo en todas as grandes revolucións loita pola verdadeira representación, o populacho sempre berrará en favor do home forte, do gran líder. Porque o populacho odia á sociedade da que está excluido tanto como ao Parlamento no que non está representado"
"O que era novo e sorprendente naquela época -ainda que resulte demasiado familiar para nós- era a organización da masa e a adoración polo heroe, da que se beneficiaban os seus dirixentes. O populacho convertiuse en axente directo dese nacionalismo concreto defendido por Barrés, Maurras e Daudet, que xuntos formaron o que era indubidablemente unha clase de élite dos intelectuais mais novos. Estes homes, que despreciaban ao pobo e que moi recentemente foran emerxendo dun ruinoso e decadente culto ao esteticismo, viron na masa unha expresión viva da forza viril e primitiva. Foron eles e as súas teorías quenes por vez primeira identificaron ao populacho co pobo e converteron aos seus dirixentes en heroes nacionais. Foi a súa filosofía do pesimismo e o seu entusiasmo pola predestinación o primeiro signo do colapso inminente da intelligentsia europea"

O valor de dicir non (bis)
"O verdadeiro logro de Zola, que é dificil de advertir nos seus folletos, consiste no valor resolto e intrépido co que este home, que na súa vida e nas súas obras exaltara ao pobo até o punto de lindar coa idolatría, alzouse finalmente para retar, para combater e finalmente para conquistar ás masas, nas que, como Clemenceu, escasamente puido distinguir en momento algún ao populacho do pobo"
[Di Clemenceu]: "Existiron homes capaces de resistir aos mais poderosos monarcas e de negarse a someterse ante eles, pero houbo poucos que resistiran á multitude, que permaneceran sós antes as masas mal conducidas, que se enfrontaran ó seu implacable frenesí sen armas e cos brazos cruzados para dicir non cando se lles exixía un si. Así era Zola!"

A importancia das minorías críticas
"Quenes entón, en amplos termos, eran os que apoiaban a Dreyfus? Quenes eran os 300 000 franceses que devoraron ansiosamente o J´accuse de Zola e seguían relixiosamente os editoriais de Clemenceu? Quenes eran os homes que, finalmente, lograron escindir na Franza a cada clase e incluso a cada familia en faccións opostas a propósito do caso Dreyfus? A resposta é que non formaban partido nin grupo e de forma característica contaban con mais médicos que abogados e funcionarios civís. En ampla medida, porén, eran unha mistura de diversos elementos: homes tan alonxados como Zola e Péguy o Jaurès e Picquart, homes que despois se separarían e seguirían camiños moi diversos. [Di Herzog]: Proceden de partidos políticos e de comunidades relixiosas que nada teñen en común, que se atopan incluso en conflicto entre si... Non se coñecen uns aos outros. Loitaron e nalgunha ocasión loitarán de novo. Non vos enganedes: son a élite da democracia francesa"

Elistismo e populismo: dúas caras dun mesmo ser
"Se Clemenceu houbera tido naquela época suficiente confianza en si mesmo como para considerar que só quenes o escoitaban constituían o verdadeiro pobo de Francia, non tería sido presa dese fatal orgullo que caracterizou o resto da súa carreira. Das súas experiencias no affaire Dreyfus brotou o seu desánimo polo pobo, o seu desprezo polos homes e, finalmente, a súa creenza de que el e só el sería capaz de salvar á República. Xamais se inclinou até aplaudir as aberracións do populacho. Por iso, unha vez que comezou a identificar ao populacho co pobo, apartou o chan dos seus propios pés e sumiuse nese torvo distanciamento que mais tarde o distinguiría".

Coda para o sufrido lector
Perdón por este post tan longo, non tiña tempo para facelo mais curto ;-)