2.3.05

Merda

A pedra que desbotaron os canteiros,
convértese en pedra angular.
Salmo 118

O 12 de agosto de 1961 nunha galería italiana, Piero Manzoni presentou por primeira vez en público a súa obra “Merda d´artista”: noventa caixiñas cun contido neto de trinta gramos conservado ao natural, producido e enlatado en maio do mesmo ano, rigorosamente numeradas e cun prezo equivalente ao valor do ouro. Pódese dicir que a merda lle otorgou a Manzoni un lugar na historia da arte.
Hai pouco vin no programa O Agro unha reportaxe destas que fai a TVG para ensinarnos o ben que vai todo, sobre un mozo (mozo duns corenta, hai que dicilo) que conseguiu a proeza de poder vivir dun rabaño de cabras nas terras do Xurés. No video saían imaxes do fulano pastoreando na serra, intercalados con comentarios sobre como comezara coa explotación, os costos que tivera ao principio, o tipo de cabras que criaba, etc. O que máis me sorprendeu foi que malia adicarse á venda de cabuxas ésta deixara de ser a principal fonte de ingresos, xa que despois de aquelar as instalacións para unha correcta xestión e embalaxe do esterco, vender a merda que xeraban as cabras, dáballe tantos cartos como a venda das cabras mesmas.
Estes días, ao Manuel Fraga-Estadista non lle pareceu ben que un senador de ERC recordara o seu pasado no glorioso movemento nacional e que Anxo Quintana asegurara dormir a perna solta, porque a diferenza del, non ten asasinatos no seu haber que lle poidan perturbar a conciencia. Revolvéndose, e no seu mais inconfundible estilo, o noso patrón declarou onte, que para él todos estes comentarios eran pura merda.
Pero chegou tarde. O pastor do Xurés e mais Piero Manzoni xa nos aprenderan que a merda é valiosa. Por iso moitos desexamos de cara ás vindeiras eleccións –igual que fan as xentes do teatro- moita merda para nós, e que o noso patrón se vaia dunha vez para a merda.

2 Comments:

Blogger Ian said...

Moi agradecido pola recuperación literaria dese precioso salmo...

3 de março de 2005 às 23:48  
Blogger O Fuco said...

A Biblia é unha grande obra literaria.

4 de março de 2005 às 21:55  

Enviar um comentário

<< Home