19.3.05

Ence é boa vila

Hannah Arendt axúdase no libro que ando a ler, dunha cita allea para describir o ánimo imperante na República de Weimar: "cada novo grupo cría que non podería topar maior lexitimación, nen mellor atractivo ante as masas que unha clara insistencia en non ser un partido senón un movimento". Era unha época na que a consecuencia da derrota na primeira guerra mundial, o paro era rampante e o descreto do sistema de partidos, total. Só un demagogo coma Hitler podía sacar réditos dun panorama como este.
A que vivimos é tamén unha época de descreto da política, na que asuntos como a chamada crise catalana, son só bazas perdidas. Outro exemplo: onte en Pontevedra asistimos ao nacemento dun movemento supra-partidario con funcións de acoso e derribo. En estraño maridaxe, dous sindicatos de clase -non está claro qué clase- todas as organizacións empresariais da provincia, o partido popular, parte do psoe e os medios de comunicación en procesión de semana santa, clamaban por deixarse de política e supeditarse á economía.
Como aquel banqueiro que fuxía cos cartos da caixa forte n´A dilixencia de John Ford e que rosmaba indignado perlas do tipo "o Estado tería que pasar desapercibido" "Agora até queren inspeccionar os meus libros de contas" e a lapidaria e cínica "América para os americáns", estes amigos da celulosa tamén rosman contra toda institución que se empeñe en non baixar a cabeza. Fan berrar aos seus monicreques: "Pontevedra para os pontevedreses" pero o que realmente están a dicir é "Pontevedra para nós".