7.2.05

Qassida


El primer teórico importante de la literatura Ibn Qutaiba (828-889), ofreció una descripción de la “qassida” típica que sería tenida en cuenta por poetas ulteriores: este autor sugirió que la “qassida” debía comenzar con la evocación de los lugares y el amor perdidos continuar con la descripción de un viaje y culminar en el tema real, un panegírico, una elegía o una sátira. Albert Hourani. “La historia de los árabes”
1
Cando neno pasei algún verán no lugar de Vilaverde, Concello de Melón. Recordo unha ocasión na que fun cun rapaz da aldea ao monte. A min –mais novo ca el, e mais urbanita- impresionábame ver con qué seguridade guiaba ás vacas e con qué soltura falaba o galego. Chegados a un punto, sentámonos nuns cotos, mentras os animais andaban a ramonear. Tras dun rato sen facer nada e un pouco aburridos, aquel rapaz volveume sorprender. Debuxou no chan un cadrado cun garabullo e propuxo xogarmos ao tres en raia. Eu, lento de reflexos e menos criativo, díxenlle que sí, pero dubidando que fora posible, ao non teren fichas de distintas cores. O compañeiro non tardou en resolver: nun minuto encontrou tres pedriñas claras e tres pedriñas escuras. Deste xeito botamos varias partidas, as vacas encheron o bandullo e cando chegou a hora, baixamos camiño á casa entre fentos e piñeiros. Amei esa aldea, alá está enterrada xente querida para min, pero hoxe, xa non hai rapaces, tampouco quedan vacas e o monte no que xogabamos, arde cada verán.
2
Alexandre
De Olímpia e Filipe o menino nasceu, mas ele aprendeu
Que seu pai foi un raio que veio do céu.
Caetano Veloso.

Puiden ver xa o último filme de Oliver Stone. Unha das viaxes mais extraordinarias da historia da humanidade. Evocación chea de nomes máxicos e resoantes: Macedonia, Tracia, Tiro e Gaza, Exipto, a batalla de Gaugamela que sería a fin de Darío, Babilonia, Ecbatana, Susa e Persépolis a dos grandes palacios persas, a lonxana provincia da Bactriana cos seus temidos escitas e as altas montañas nevadas do Himalaia. Unha rota sinalada, como con migas de pan, por tódalas Alexandrías fundadas dende o Mediterraneo ao Punjab.
Ptolomeo, un dos macedonios que acompañou a Alexandre Magno, e que ao regreso gobernaría Exipto, contando cando o heroe entra na cidade das murallas azuis, dí: Babilonia, a concubina na que é moi fácil entrar pero moi dificil sair. A atrapadora terra entre o Tigris e o Éufrates, os lugares polos que pasaron tantos imperios que se crían únicos e eternos, as mesmas terras que presencian hoxe, como os marines de Ohio mexan nas cinco patas dos touros alados escoitando Marilyn Manson.
3

Panexírico e sátira en torno a Anthonius Von Meegeren (1889-1947).
Roman Gubern cóntanos en Patologías de la imagen a historia deste personaxe. Era un holandés estudante de belas artes quen tras instalarse na Costa Azul adicouse clandestinamente a imitar a Veermer, pintor que naquela época non era moi apreciado. Meegeren especializouse e chegou a gañar moitos cartos imitandoo, ate o punto que un dos seus cadros, Encontro en Emaus, foi adquirido polo museu Boymans. En 1945 os americanos toparon nun soto Cristo e a adultera, e descobriron que fora mercado por 1.650.000 florins polo marechal Goering ao autor, sen que fora enviado a Berlin. Meegeren foi acusado de colaboracionista, e para conseguir que lle puxeran unha pena menor, confesou a súa actividade falsificadora pintando no cárcere Xesús entre os doutores. Se Meegeren vivira hoxe e se adicase ao audiovisual, ben podería ter sido o autor do último capítulo desa contenda mediática na que se está a converter a guerra do Irak. Esas espalladoras da verdade que son as axencias de noticias, deron por auténtica unha foto na que se vía un marine de raza negra secuestrado, atado e sendo apuntado na cabeza cun fusil diante dunha tea escura cunhas letras en árabe. O soldado resultou ser un madelman, e tanto a roupa como o fusil que o apuntan, parte do kit de atrezzo con que se vende ese boneco no mercado. A foto fíxose con tal pericia no tratamento da perspectiva que foi dada por verdadeira.
Se colleran a este novo Meegeren dixital volveríano acusar de colaboracionista. Desque Hollywood deixou atrás aos alemáns, aos rusos e mesmo aos alieníxenas, na súa construcción do desexable inimigo exterior, os candidatos son os árabes, os descendentes daquel Ibn Qutaiba que fixou a forma da “qassida”.Posted by Hello