2.2.05

Pais, nais e países

No “debate” sobre a Proposta de Novo Estatuto do Goberno Vasco, que coa ratificación necesaria legalmente, enviou o Parlamento de Euskadi ó Congreso dos Deputados, o Partido Popular e mais o PSOE repartíronse os papeis de policía bo e policía malo para pór en escea o pacto -alguén chamaríalle pinza- mediante o cal se negan a discutir nada do plantexado nese texto. Zapatero fixo de pai que lle da unha labazada ó fillo polo seu ben, e Rajoy de madrastra de Brancaneves, que non lle da unha malleira por se chama ó teléfono do menor. Pero ámbolos dous viñan soster o mesmo: Non hai ámbito de decisión vasco -Rajoy chegou a dicir que a mesma existencia de tal povo é pura metafísica-, a lexitimidade de Madrid é mais lexítima que a de Vitoria, e que é antidemocrático que co apoio do 51% -iso din eles- se pretenda cambiar o marco actual, pero non o é que co apoio do 49% -tamén o din eles- se pretenda impor o inmobilismo. Ibarretxe expúxolle a estes dous padrazos, que o povo vasco é un povo maduro, maior de idade, con arelas de se emancipar, e que por mais que se emperrenchen, qué é ou qué non é unha nación non o definen dous partidos conchabados nen as apisonadoras mediáticas que os acompañan, senón iso que Renan chamou o plebiscito cotidiano, a vontade da xente dese país de ser o que queiran ser. E, posto que ese plebiscito cotidiano, mais alá da metafísica constitucional do PP, inclínase en Euskadi -por mais dese 51-49 que tanto cacarexan- a favor dunha maior soberanía, tarde ou cedo haberá que se sentar e comezar a falar. Semella que a reforma da Constitución será inevitable a curto prazo e Euskadi e Catalunya están xa ben colocados na grella de saída, ¿U-la Galiza?

2 Comments:

Blogger Brétemas said...

Interésame moito o que comentas. Dende hoxe agrégoche os meus favoritos. Como non reaccionemos, axiña estaremos como cando aquel Estatuto da Aldraxe. Agardo que os agoiros non se cumpran.

5 de fevereiro de 2005 às 22:30  
Blogger O Fuco said...

Penso que para situarmonos en boa posición a clave será o resultado do nacionalismo galego nas vindeiras eleccións posto que o PSdeG só turrará nesta dirección se se ve forzado a elo.

7 de fevereiro de 2005 às 21:07  

Enviar um comentário

<< Home