13.2.05

Os vellos non deben presentarse.

Winston Churchill, no fin da súa carreira política, foi moi reacio a dimitir e deixar paso a Eden, ó que dende había tempo se perfilaba como o seu sucesor. Neses derradeiros momentos do mandato de Churchill, este apenas se adicaba a gobernar, só pensaba en organizar cumbres entre Eisenhower e os rusos. Víase a sí mesmo como unha peza imprescindible, dado o carisma adquirido durante a segunda guerra mundial, e capaz de conseguir que a tensión nuclerar –comezo da despois chamada guerra fría- se relaxase. O que non percebía o premier é que nin él nin a Gran Bretaña dese momento histórico tiñan xa a influencia e o poder que tiveran noutrora.
Aposto que Fraga Iribarne é un home que admira a Churchill, e que nalgún delirio de grandeza mesmo se ten comparado con él. Mágoa que haxa o pequeno obstáculo de que Churchill combatiu ó mesmo señor que bombardeou Gernika e que deu a man en Hendaia ó que foi xefe de Fraga durante non pouco tempo. Esquecendo estas miudeces, eu sí vexo un paralelismo nesa reticencia a retirárense e nese verse imprescindibles cando xa é evidente que o seu tempo pasou. É uso común entre os ben pensantes haxiógrafos, non remover moito os pasados escabrosos dos gobernantes, para non deslucir o que deberían ser os productos beningnos dunha carreira global. É así cómo se esquecen as posturas imperialistas de Churchill no tema da India, ou a súa represión á guerrilla antifascista en Grecia tra-la segunda guerra mundial (co apoio de Stalin iso sí), e é así tamén, que se realzan en Fraga as bondades aperturistas da súa lei de prensa e se lle apresenta hoxe en día como o mais aberto entre os do seu partido á descentralización, despois de seren él o que mais a combatiu. Non hai dúbida de que Fraga mudou moito en todo este tempo, o que non está tan claro é se foi por necesidade ou por convicción.
Igual que o presidente inglés, Fraga evita nomear sucesor para as próximas eleccións galegas, erixíndose él como a derradeira oportunidade dos seus para seguir na poltrona. Eu, que lamentaría que non tivese tempo para deixarnos as súas memorias, agardo que as perda e así poña un xusto corolario á súa biografía.
Ven ao caso, para rematar, un xugoso diálogo do filme Doutor Zhivago –disfrutei moito esta tarde véndoa- entre o inmoral Komarovsky e o idealista Pasha Antipov. Tras soster o primeiro que as persoas coa edade fanse mais tolerantes, Antipov espétalle: fanno para poderen tolerarse a sí mesmos.
Se cadra é isto o que lle pasa ao noso presidente.

3 Comments:

Blogger Ian said...

Un post xenial. Moi bo.

14 de fevereiro de 2005 às 21:50  
Blogger Cesare said...

Esténdase, Ian, esténdase... :)

15 de fevereiro de 2005 às 17:38  
Blogger O Fuco said...

graciñas ian

15 de fevereiro de 2005 às 20:58  

Enviar um comentário

<< Home