16.2.05

O Estado morreu, viva o Estado

Leo nun xornal que os traballadores de Ence revocaron por 149 votos a favor e 78 en contra ó comité de empresa que elixiran no 2002. Esta votación foi promovida por CCOO e UGT despois de que a CIG, maioritaria no comité ate agora, apoiara a postura do alcalde Fernández Lores, partidario de buscar un mellor emprazamento á fábrica. Din entusiasmados, por se había dúbidas da súa actividade desestabilizadora, que hoxe cae este comité e que no seu momento caerá tamén o despótico goberno municipal que quere limpar a beiramar de esterco. Como estes sindicatos non se presentarán, supoño que nas vindeiras eleccións municipais aplaudirán coas orellas ós candidatos do PP ou a un PSOE -o PSdG non existe- na liña Vázquez/Mariño.
Ninguén pode pedir ós traballadores desa empresa que renuncien ós seus postos de traballo, de feito tampouco o Concello de Pontevedra llelo pide, pero tampouco eles poden exixir solidariedade cando se trata de defender que determinados poderes fácticos fagan coa lei de costas, e con todas as leises, o que lles pete.
Fidalgo, o secretario xeral do mesmo sindicato que é tan belixerante co Concello Pontevedrés, fíxolle hoxe en Ferrolterra, as segundas voces a Touriño despois de que este, en funcións de Delegado do Goberno, entoara onte a cantinela do Vivimos no mellor dos mundos posibeis. Neste concerto a capella, os dous tenores tentan aplacar as críticas xurdidas en torno á postura adoptada en xeral polo Goberno Central no tema dos asteleiros públicos, e en concreto ó feito de estes beneficiar a outras zonas do Estado con mais cheiro a azahar e menos a colonia. Sostén o enxeñoso Fidalgo que a razón dos recortes de postos de traballo en Izar-Fene –moitos mais que os que ía xerar a manida fábrica de papel tisú na ría do Lérez- non hai que buscalos na política do goberno de Madrid, senón na falla de “competitividade da empresa “(sic).
Se unha administración decide regular cun claro propósito de beneficio social unha actividade empresarial, boicotéase coa colaboración dos poderes económicos e mediáticos mais demagogos e amordazantes (ler a ian no seu Anunciando o modelo Berlusconi). E se noutro caso, dende moitos sectores critícase que determinados poderes públicos non apoien mais efectivamente ós traballadores dunha comarca históricamente castigada, deféndese a esa administración ausente, e aléganse argumentos que mais parecen neoloxismos sacados dunha intervención no Foro de Davos que o discurso propio dun sindicato obreiro.
É sabido que para todo liberal, o mellor Estado é aquel que pasa desapercibido na vida económica pero que se fai rotúndamente presente no sistema de vixiancia e represión.
O discurso de CCOO parece cada vez seguir mais fielmente esta máxima.