21.2.05

A insoportable levidade do ser galego

Escoitei hoxe, que ata hai pouco tempo e segundo as estatísticas que se facían coas levas militares, a altitude media dos españois era de 1,62 cms, oscilando o abano entre o 1,64 dos cataláns e o 1,60 dos galegos. Nas mesmas datas, a altitude media de, por exemplo os escoceses, chegaba ata os 1,71 cms. ¿É casual que foran os cataláns os mais altos e nós os mais baixos? Penso que non.
En setembro do 2004, a prensa británica fíxose eco dun estudo do Trinity College de Dublin sobre o ADN dos habitantes de Eire, chegando á conclusión de que as xentes mais próximas xenéticamente a eles, eran, xunto cos habitantes de Escocia, as do norte do estado español e portugués e, mais en concreto, os galegos. Non é pois, que os galegos tiveran a altura que tiñan porque a natureza non lles dera para mais, senón que a responsabilidade do seu raquitismo, tíñaa a deficiencia de protenias na alimentación que sufriran durante xeracións.
Un pediatra, comentaba recentemente nun xornal, que a estatura media galega xa se equiparara coa española. Segundo souben hoxe, a talla española equiparouse á súa vez coa europea, despois de teren crecido varios centímetros nos últimos anos. Visto o visto, polo menos en temas de estatura, xa conseguimos a arelada converxencia.
Porén, a realidade é cabezona. Os galegos seguimos a ter problemas para estaren á altura.
No ano 1968, tra-lo seu periplo por latinoamérica, Celso Emilio Ferreiro escribiu Viaxe ao pais dos ananos. Este libro pretendía mostrar a súa decepción coas caciquís institucións galegas da emigración e os seus comportamentos miserabeis. Pasados moitos anos diso, tanto a unha beira coma á outra do atlántico, o caciquismo galego continúa cunha saúde de ferro.
Tra-las eleccións xerais do 2004, Beiras falou de que na Galiza, se dera unha nova colonización na xente mais nova, o que explicaría que moitos deles optaran polo PSOE fronte ao BNG. Isto non deixa de ser un dato difícil de verificar, pero tra-lo referendum da Constitución Europea, evidenciouse que o comportamento electoral galego, cada día difire menos do do resto do Estado (ata deixamos de ser os mais abstencionistas) e que xusto no momento en que o debate nacional en Catalunya e en Euskadi colle envergadura, aquí seguimos en pitufilandia.
Somos pigmeos porque pasamos fame. Fame de información, fame de debate, fame de cultura. Non temos medios de comunicación dignos de tal nome e o entramado social que debería soster e fortalecer as opinións heterodoxas co pensamento de Estado, é prácticamente inexistente. A nosa capacidade crítica está morrendo de inanidade. Con este panorama é lóxico, que ante citas como a do 20-f, a participación e os síes en Ourense (provincia que non destaca polo seu dinamismo) estiveran entre os maiores do Estado.
Eça de Queiroz, nun deses diálogos tan ben escritos que integran Os Maias, pon na boca de Joao da Ega, ese pensamento que de cando en vez agroma en Portugal, sobre a hipotética integración do país luso en España. O provocador Ega, na súa impotencia, déixase cair na ironía. Di desexar que España os invada, para que ese Portugal que el considera pacato e inmóbil reaccione dunha vez. Os galegos "lamentablemente" xa non temos nin este recurso para reaccionarmos. A nós hai moito que nos invadiron. Sei que a de Ega é unha impostura e sei que a tentación da ironía ten algo de desmobilizadora. Invita ao derrotismo, sinal primeira da debilidade, facendo patente aquilo que dixo Montaigne con mais xeito: o que ten un lado descuberto, tenos todos.
Se cadra é infantil queixarse porque a maioría non pense coma un en lugar de faceren autocrítica. Ésta é sempre necesaria, pero é bo lembrar tamén que a xente actúa políticamente para tentar mudar á sociedade, non para que a sociedade os mude a eles. Os galegos non serán nación polos seus xens nen por esencias bretemosas, serano só porque decidan selo, porque crean que iso é bo para o seu desenrolo social e persoal. O debate sobre o modelo de Estado abrirase nesta lexislatura, nas próximas autonómicas xogámonos moito. Eu non descartaría que o PSdG se vira tentado á chamada do voto "útil", por iso, se o nacionalismo galego non obtén un bo resultado contra vento e marea, perderemos o carro das reformas constitucionais. Entón sí que seguiremos a ser por moito tempo un país de ananos.

1 Comments:

Blogger hfm said...

Obrigada pela visita. Vou seguir o conselho.

23 de fevereiro de 2005 às 01:08  

Enviar um comentário

<< Home