8.2.05

Homenaxe ao Bartleby de Melville.

Conta Román Gubern que Georg Lukács denunciou no epílogo de O asalto á razón a “protección que os círculos dirixentes de EEUU dispensan ó arte abstracto, é dicir, ó arte conscentemente antihumano e antirrealista”.
Foi esta unha reacción fronte o realismo socialista que propuña unha pintura mais figurativa, narrativa e didáctica e que consideraba ás outras correntes artísticas veleidades burguesas. É curioso pensar que a pintura socialista chegou a un punto tal de repetición de temas estandarizados e lugares comúns que perdeu toda capacidade revolucionaria. No arte abstracto a forma e o xesto comíanse o espazo todo do significado e na pintura realista o exceso de significado avocouna á esterilidade. Este empacho de significado deuse tamén na poesía galega dos anos 60, cando despois de Celso Emilio a poesía social trillouse de tal xeito que acabou morrendo de éxito, e tivo que chegar Con pólvora e magnolias e o seu maior coidado estético, para traer un pouco de aire fresco.
Non sei se Pollock foi financiado pola CIA, nin creo que teña que sentirme culpable dos campos de traballo siberians cando vexo unha película de Einsenstein, pero sí sei que tanto a visión que da Pollock da realidade como a que da Einsenstein son necesarias. E que ao enfrontar unha coa outra, chego a unha especie de síntese que me satisface.
Este é o valor da negación. Sen contraposición continua non hai avance, todo remata enferruxado nas teas de araña da autocompracencia onanista.
Pero sigamos falando de dialéctica. Levo un tempo lendo Mínima Moralia de T.W. Adorno. Este libro ao contrario de outros, non propón unha moral en positivo, unha guía do home bo, un tratado sobre o xusto e o correcto, senón que a partir da crítica de aspectos concretos da realidade consegue destilar a súa alternativa. Como nunha radiografía, vemos o negativo da realidade. Propón implícitamente mediante o non.
Este é o valor de dicir non.
O outro día escoitei na radio un interesante debate entre Carlos Taibo e Nicolás Sartorius sobre a chamada Constitución Europea. O primerio defendía o non e o segundo o sí. Taibo estivo brillante denunciando entre outras cousas, cómo esta constitución supón unha posta ao día á baixa no que a dereitos sociais se refire. Denunciou a traición dos partidos socialistas europeos ao pactar con conservadores e liberais unha Unión Europea que deixa, polo seu propio deseño, cada vez mais estreito marxe de manobra para aplicar políticas socialdemócratas (a esquerda está tan desolada que xa non pide imposibles). No outro lado, un dos argumentos esgrimidos por Sartorius (recoñezo que é o que mais me fai dubidar) consistiu en criticar a “certos sectores da esquerda” que querendo parar os pés a EEUU non son quen de apoiar un maior investimento en gasto militar Europeo. E é certo que iso é así. Pero é necesario que sexa así. É necesaria esa negación por unha banda á política de EEUU e por outra a entrar nese xogo no que a soberanía é maior canto maior sexa a túa capacidade de matar. No final do debate, Sartorius, tentou levar a Taibo ao rego do políticamente correcto, convidándoo a que, tras teren discrepado fondamente, fixeran un chamamento conxunto e versallesco incitando á xente a ir votar. Taibo -e esta rebeldía primaria ao estilo Bartleby gustoume especialmente- negouse a facer tal cousa.
Este é o valor dos do non.
Fraga sempre chamou así ás xentes do nacionalismo galego, "os do non", sabendo que nesta sociedade borreguil, dicir o contrario do que dí o rabaño estigmatízate. Pero porque é preferible seren excepción a seren ovella, dicindo non a esta realidade mostramos que somos quen de imaxinar outra. Ou, por mete-lo pezuño na pequena polémica entre ian e Xan Hermida, o día que a esquerda canse de dicir non será a proba de que a realidade se converteu nun xigantesco e totalitario cadro naif ou nun eterno e alienante brochazo de cores abstracto.

3 Comments:

Blogger Ian said...

Querido Fuco, non chegou a polémica, apenas desacordo. No Si de Hermida hai un pouso crítico e autocrítico, no SI dalgúns afamados opinadores de fin de semana da Voz de Galicia tan só autocompracencia e acomodación ao que se chega por non ser anti-sistema.

9 de fevereiro de 2005 às 23:38  
Blogger Lolo said...

Non sei se o Ian, cando fala dos afamados opinadores de fin de semana, se está a referir ao artigo de Freixanes do sábado pasado.

10 de fevereiro de 2005 às 17:29  
Blogger O Fuco said...

Resúltame curioso que no caso do BNG sempre saian esas voces de figuras mais ou menos "amigas" na prensa (Barreiro Rivas hai pouco, Freixanes agora) cun tono didáctico como para mostrar o camiño correcto aos pobriños que non saben andar polo mundo. Nunca vin que iso sucedera co PSOE e non será porque faltaran motivos cando dos campións da contradicción se trata. Do PP xa nin falo, dou por feito que os seus corifeantes da prensa só están para dicir amén e calar.

10 de fevereiro de 2005 às 20:56  

Enviar um comentário

<< Home