17.2.05

Escrutinio mediático

Argumentaba George Berkeley: “esse est percipi”, a existencia (esse) das cousas consiste en seren percibidas (percipi). Ou dito doutro xeito as cousas non poseen unha existencia independente da mente que as percibe. Segundo este teólogo irlandés, cando ningunha mente finita percibe aos obxectos, estes siguen sendo percibidos pola mente infinita de Deus.
Neste descrido inicio de século o mais parecido a Deus -omnipotente e omnisciente- que se me ocorre son os mass-media. Entes que dan e quitan vida, deciden sobre a visibilidade ou a invisibilidade das persoas e das cousas e fan posible, ou non, que nós percibamos a realidade.
O sacerdocio deste deus ex machina, as distintas empresas que copan o mundo da comunicación, andan en guerra aberta –unha guerra de burgueses como dicían os revolucionarios rusos na primeira guerra mundial- ante a posibilidade de que se concedan novos canais de televisión. Uns queren que se amplíe a oferta no mercado analóxico aproveitando que teñen xa unha boa posición tomada (Canal Plus), outros non queren compartir os beneficios que xa obteñen nese mercado (Antena Tres ou Telecinco), e os outros temen que isto retrase a implantación da televisión dixital, onde agardan poder entrar no reparto do pastel (El Mundo ou a Cope). O mercado é suculento e o poder que otorga divino.
O capítulo do Quixote –apoveitemos que está de moda- onde o cura da aldea decide qué libros deben salvarse do lume e cales non, é unha boa mostra literaria da máxima: a información é poder. O párroco pese a considerar a maioría dos libros que enchen os estantes como perniciosos, deixa ben claro, que el ler, léraos todos. Os espectadores, ausentes como Don Quixote durante a queima, resígnanse en silencio mentras as empresas seguen loitando por ver quén será a mais beneficiada e quen poderá impoñer mellor o seu escrutinio da realidade.
Noutra banda, os que aspiran a seren protagonistas en lugar de espectadores, os que non teñen cabida nos medios mais alá dos quince minutos de fama que reivindicou Warhol, agárranse a aquilo que dixo F.H. Bradley: onde todo é malo, debe ser bo, coñece-lo pior, por iso len sobre todo os libros prohibidos, porque ao fin e ao cabo, a realidade que propuña Berkeley era tan inmaterial como a criada polos medios de comunicación, e igual de desmontable.