22.1.05

Xantar de inauguración

Conta Roy Jenkins na súa biografía de Winston Churchill que durante os bombardeos alemáns á cidade de Londres, o premier acostumaba subirse a algún faiado dende onde puidera ver cómo caían as bombas. Dí tamén, que ordeaba sempre respostar cada bombardeo con cortiñas de fogo antiaéreo, non tanto porque foran efectivas contra o inimigo, senón porque para a moral da poboación sempre sería mellor pensar que se está a facer algo que agardar en silencio a seguinte descarga. Hoxe en día, os cidadáns dos "paises opulentos" -nos outros a receita segue a basarse na metralla- sufrimos outro tipo de bombardeo menos estrondoso, menos letal, pero mais efectivo. Cada día convídasenos a degustar o menú envelenado de información que os gourmets dos media nos serven. A enchenta de tertulianos neutrais, columnistas de ética intachable, editoriais ecuánimes e titulares asépticos desembocan no empacho do comensal. A oferta é desmesurada e a monotonía sobre todo no tocante ós temas menos superficiais tamén. Nin sequera hai tempo entre prato e prato para paladear e dixerir. No tempo da información continua, non hai intermitencia. A ración de ruido é constante e o viño intragable
¿E qué nos queda ós bombardeados mentras tanto? ¿Dispomos de medios para contrarrestar o ataque? ¿Son estes efectivos ou estamos condeados á desmoralización?
Non hai dúbida de que a capacidade do sistema para impoñer o seu discurso é brutal, pero ás veces a solución pode partir do sistema mesmo. Dicían os situacionistas que o sistema non crea, recupera. Tamén sostían que é necesario pór as cousas do revés para pode-las ver. Démoslle pois a volta: o sistema crea, nos recuperamos. Internet foi criado polo exército estadounidense non precisamente para chatear, e como medio militar que é, ten por forza que ser unha boa arma. Este pode ser o noso antiaéreo revigorizante. Unha das vantaxes dos medios tradicionais, é que a súa inversión en publicidade asegura a súa omnipresencia. Isto todavía xoga ó seu favor, pois a publicidade investida no "mundo real" é tamén útil para dar a coñecer a súas ramificacións no mundo dixital. Pero na medida en que o lugar de referencia sexa o virtual a súa capacidade de promoción minguará. Na rede non hai un Picadilly Circus onde colocar os letreiros luminosos. Cun buscador, tan accesible é a CNN como Al Jazeera, tanto o Wall Street Journal como Le Monde Diplomatique, e tanto La Razón como Gara. Así o menú diversifícase, o viño mellora. Nesta nova situación non só se pode contrarrestar o bombardeo para combatir o silencio, senón que incluso as ráfagas dos de a pe da terra poden chegar a tapar o ruido desta nova Luftwaffe. Debemos, coma o contradictorio primeiro ministro inglés, facer o exercicio de subir ó faiado, para poder ter unha visión xeral, pois como se isto fose un cadro puntillista, vese moito mellor a dous metros que co narís pegado ao lenzo. Tomar distancia e analizar xa é respostar mais eficazmente. Bo proveito.

Posted by Hello