26.1.05

¡¡Señor, sí señor!!

Na película de Stanley Kubrick, Full Metal Jacket, hai un diálogo memorable, entre o protagonista do filme –un soldado avispado e escéptico- e un mando militar algo obtuso. O rapaz leva no casco a frase Born to kill, e no peito, unha chapa co símbolo da paz. O superior pregúntalle por qué leva todo iso, él resposta que ten que ver co dualismo de Jung e comeza a describirlle en qué consiste a grandes rasgos tal teoría. Cando finaliza, ó superior -visiblemente farto- só se lle ocorre preguntar: ¿Fillo, ti amas ó teu país? De xeito que a conversa só pode rematar cun ¡Señor, sí señor!.Vexo as imaxes de Bono e Rosa Díez sendo vituperados e apupados na manifestación das vítimas do terrorismo e venme á cabeza que na política as posicións de cada quen nunca son fixas, é dicir, un nunca é de esquerda en tal grado ou de dereita en tal grado de maneira inamovible, senón que a cousa funciona do mesmo xeito que no taboleiro de xadrez, onde a importancia das pezas só se pode medir en función de con quén xogues, cómo se desenrole a partida, do número de pezas que lle queden ó adversario etc. Corrobora isto, penso, unha conversa con X.M. Beiras, na que asegura que nos últimos tempos, nalgunhas cuestións, o PNV situárase mais a esquerda co Bloque. Sempre nos definimos en relación ós demais. Probablemente a distancia ideolóxica entre Bono e a xente que naquela manifestación o insultaba, sexa nula, pero naquel contexto él representaba todo o que a dereita non soporta. É dicir, aquela xente convertía a Bono nun "esquerdista-separatista" de pro. Durante a anterior lexislatura e coa aquiescencia do PSOE -e paradóxicamente co entusiasmo de Bono ou Díez- alimentouse na opinión pública un discurso no tocante ó tema territorial que non admitía os matices, unha condea total a todo o que supuxera cambiar algo na estructura do estado, e agora ante as esperanzas que se abren de poder rematar definitivamente co problema da violencia, ese discurso aflora con virulencia. Tras tanto tempo censurando o que non fora dicir Señor, sí señor, é moi dificil facer comprender a moita xente que na vida existen cousas como a dualidade de Jung, é dicir, que a realidade é algo complexo ante o que é necesario facer reformulacións, cambios de estratexia ou concesións e que as verdadeiras solucións ós problemas nunca veñen polo camiño mais curto.