24.1.05

Oh entrudo chocalheiro (o licorcafé)


Leo cariacontecido no xornal local que a todos ilumina, que o grupo de monicreques Tanxarina viu rexeitada a súa proposta para a celebración do Entroido na vila de Redondela. Disque pretendían criticar as posturas retrógradas da igrexa en temas como os matrimonios homosexuais ou os preservativos, facendo de monseñor Gea Escolano, un meco. Ó alcalde e mais ó concelleiro de cultura da vila non lles prestou a idea porque pode ofender á igrexa (Está claro que non leron a Mijail Bajtin).
Eu sempre crin que ofender, criticar, facer mofa, caricaturizar ou transgredir era a razón de ser do Entroido. Se cadra os concelleiros asóciano mais ben cun feixe de mulatas semi espidas a bailar pola rúa, algo que por outra parte, non deixa de ser tamén ben ofensivo, ofende tanto ós que ven niso unha denigración da muller, como ós beatos que non soportan a presenza de tanto centímetro cadrado de pel xunto, pero na miña cosmogonía particular o Entroido ten máis que ver con Jacques o fatalista -aquel que facía do seu amo un pandeiro- que co narcotizante sambódromo.
Na aldea na que naceu a miña nai, pola zona do Ribeiro, parte da celebración do Entroido consistía na representación de entremeses, unhas obriñas curtas escritas por algún veciño especialmente habilidoso no asunto, e nas que se facía escarnio e maldicir dos que se xulgaban merecedores de correctivo. Foi moi sonado o ano en que o escarnecido foi un Garda Civil. O entremés consistiu nun xuizo onde o reo foi condeado por corrupción, tiranía e chulería insoportable á perda de respeto perpetua. O benemérito non dubidou en saca-la pistola e pegar algúns tiros ó aire, ó tempo que comezou a perseguir ós arroutados rapaces que fuxiron a fume de carozo como poideron.
Porque cada día estamos mais domesticados e comedidos, recomendo non perde-la última película de Emir Kusturika, La vida es un milagro. Por hiperbólica e delirante ten ese espíritu circense e carnavaleiro propio de todo o seu cine. Outra dose de alcol, carreiras, disparos ó aire, amor apaixoado e santa loucura balcánica, baixo unha nevada de plumas de oca. Unha escea a suliñar: un dos persoaxes -soldado feito prisioneiro e intercambiado nun acto televisado baixo o amparo da ONU- contesta ós requerimentos dunha desas periodistas que nos contaron a guerra de Iuogoslavia como unha historia de bos e malos, cun sonoro eructo.
Os que non soportan pór unha máscara un día ó ano, lévana posta o ano enteiro.
Posted by Hello