23.1.05

E fumos ficando sós: Peter, Fernando, John, Ángel, Konstantino e mais nós (a xeito de postre)


Vin recentemente o filme The Cook, the Thief, his Wife and her Lover, de Peter Greenaway. Un director barroco ata a náusea cunha estética persoal, moi onírica e que por momentos me recorda a David Lynch. A historia é un conto moral onde unha esposa mantén unha relación co seu culto e sensible amante nun restaurante onde o seu marido -home excesivo e violento, mistura entre Pavarotti e Falstaff- adícase a encher o bandullo entre hilarantes disertacións didácticas sobre modais e bo gusto ós seus esbirros. Finalmente descobre a infidelidade e mata ó amante facéndolle comer os seus libros preferidos. A muller decide vingarse pedíndolle ó cociñeiro -que sempre foi o seu cómplice- que cociñe ó seu amante para ela. Na escea final, todos os agraviados polo bruto marido presencian cómo a muller o oblíga a comer o corpo cociñado do amante apuntándoo cunha pistola, para rematar por pegarlle un tiro entre cella e cella.
Interesoume unha escea na que a muller, despois do seu amante morrer, pídelle ó cociñeiro que recorde qué cousas puido ver do que eles facían. O cociñeiro nárralle cómo os viu bicarse, acariciarse, espirse, face-lo amor, etc. Ela pregúntalle entón se non son esas as cousas que soen facer os amantes, como necesitando dunha mirada exterior que lle diga quén é ela e quén era o seu amante en relación con ela. Esta especie de incapacidade para recoñece-la realidade por estar demasiado perto dela recórdame aquela frase que seica dixo John Lennon, de que a vida é iso que transcorre mentras estás a facer plans, ou o Kavafis que recomendaba disfrutar da viaxe a Itaca e non agardar só á chegada ou o Pessoa que aseguraba que o que vemos, non é o que vemos, senón o que somos ou o Ángel González do poema A veces, en octubre, es lo que pasa, inquedándose ante os cambios da natureza, sabendo que non é a natureza o que nos desasosega senón iso, o que pasa. A realidade inaprehensible a escorregarse como grans de area entre os dedos. Posted by Hello

1 Comments:

Blogger nalló said...

Todo bo xantar remata cun bo café, agardamos por el.

23 de janeiro de 2005 às 21:22  

Enviar um comentário

<< Home