1.8.05

Rosselini, Moretti, Velo

"Preguntaban por min os que nunca me procuraron, topáronme os que non invocaban o meu nome". Con esta cita do profeta Isaías, comeza Stromboli, o filme de Roberto Rosselini. Unha historia sobre a procura da liberdade física e espiritual. Do medo a ser libres. De cómo a liberdade física pode non casar coa liberación espiritual ou relixiosa. E de cómo sentirse libre pode significar aceptar a autoridade. Paradoxos.
Ingrid Bergman sae dun campo de refuxiados da 2ª guerra mundial, casando cun home nado na illa de Stromboli. Libérase encerrándose. Convertirase na veciña díscola dunha aldea que a abafa. Estando embarazada, tenta unha fuxida en barco para a que é necesario atravesar o cume do volcán, que coma un deus ameazante e vingativo, condiciona a vida dos habitantes da illa. Trataba de ser ela mesma nunha sociedade que non a comprendía. Rebélase fuxindo. Esgotada, sen forzas para continuar, ollando dende as alturas a aldea alá no fondo, chora e clama ao Deus no que non cría; pero rematamos ignorando se finalmente a súa carreira vai seguir até as últimas consecuencias, se se rendirá ante unha autoridade que nunca recoñecera, ou se é ese coñecimento da divinidade a que constitúe a súa redención e liberación. A rotunda forma do volcán é o Deus omnipresente, o crater en erupción polo que ela se abala, cos seus temblores inestables e as súas labaradas, é a mímese da alma da protagonista. Máis turbadora se cadra, ao ser suliñada pola marabillosa música de Renzo Rosellini.
Se lemos a Biblia podemos comprobar que o que Isaías di a seguir da cita é: "Boteille unha man todo o tempo a un pobo rebelde, ós que camiñaban por un vieiro non bo, seguindo os seus propios plans". Continúa o paradoxo, a liberación dos libres.
Noutro filme, "Caro diario" de Nani Moretti, o irónico italiano fai de novo a viaxe a Stromboli. Nunha das secuencias más acedas, o amigo que o acompaña -un filósofo ao que lle emocionan os culebróns da tele- diríxese, na aba do volcán, a un grupo de americáns para traducirlle as preguntas que a berros fai Moretti dende o cume, sobre os vindeiros capítulos -de todos é sabido que en EEUU bótanos antes- da serie de moda. Toda unha desacralización do lugar e unha visión esmagadora non sei se da cinta de Rosellini, ou da nosa sociedade actual; ao fin e ao cabo, tamén Moretti ten o seu intre espiritual, ainda que sexa sen espectacularidades, no parsimonioso percorrido en Vespa polo lugar onde foi asasinado Passolini, outro díscolo.
Cambiando un pouco de tema, dicir, que o filme de Rosselini intercala a acción con secuencias de inspiración documental. Nunha das mellores, móstranos cómo os mariñeiros desa área do Mediterráno botaban as redes, puñan os cebos, e finalmente acurralaban e izaban ás traiñas os fermosos corpos do que semellan atúns. Lembráronme moito estas partes documentáis a aquel "Galicia" que fixera Carlos Velo, e en concreto a parte da pesca dos atúns, trae á mente algúns fotogramas que aparecen no libro da exposición Diásporas -vista recentemente no MARCO- e que foron extraidos do seu único documental conservado da época da República: "Almadrabas", onde a pesca do atún en augas andaluzas, é tamén a protagonista.

27.7.05

Indo pola sombra

Dicía Ungaretti no seu poema sobre o mes de xullo.... É l´estate e nei secoli/ Con i suoi occhi calcinanti/ Va della terra spogliando lo scheletro. É o estío e nos séculos/ Os seus ollos calcinantes/ van da terra espindo o esquelete. Porque ainda que xa estén os campos cheos daquel milho verde que cantaba José Afonso, o verán: Struegge forre, beve fiumi. Funde foxos, bebe ríos; zúganos o tuétano dos ósos e déixanos no seu langor, exangües, e medio mortos.
E malia todo, a vida segue. Continuamos emocionándonos na nosa romaría laica da Quintana, se cadra porque somos vítimas daquilo que Freud definiu coma o "narcisismo das diferenzas menores" -e que Michael Ignatieff lembra, nun libro que leo con ánimo autocrítico, para alertar dos perigos dos excesos identitarios- ou se cadra emocionámonos porque avogamos coma Manuel Rivas nuns seus versos, pola morte de todas as nacións, agás aquelas que dean boa sombra.
Ao que lle debeu dar moito o sol na cabeza estes días é ao presindente do Consejo General del Poder Judicial e do Tribunal Supremo, que veu de xustificar a cacería aberta en Inglaterra contra o home de pel "manchada", supoño que ao abeiro desas teorías de perfil neocon da guerra de civilizacións.
Pero se de falar de guerras se trata -e como ainda sigo co extenso libro sobre as súas campañas militares- nada mellor que Napoleón. O pragmático xeneral corso deixou unha máxima que resumiría a perigosa e rudimentaria lóxica do xuiz: "Na guerra todo o que é útil, é lexítimo".
Eu, coma o poeta da Coruña, prefiro pensar que da morte dun inocente xamáis agromarán árbores que dean boa sombra, senon a semente das uvas da ira.

13.7.05

Good Times, bad times

Cando morreu o anterior Papa poidemos asistir á retransmisión urbi et orbe da súa agonía, sepelio, proceso de elección de novo candidato, proclamación e coronación. Na súa primeira intervención, Benedicto XVI marcou a que sería liña mestra do seu pontificado: combater a "ditadura do relativismo". O pensamento non dogmático, unha conquista de séculos da sociedade humán, voltaba a ser anatemizado por este bávaro de voz apoucada que pensa que o que compre é a volta á ortodoxia cristiá ainda que iso supoña renegar de todo saber científico ou cultural que ouse contradecila.
Hoxe o ministro británico do interior Charles Clarke dirixíuse ao parlamento europeu coa intención de conseguir convencer aos eurodeputados da necesidade de tomar unha serie de medidas de control preventivo, especialmente no que se refire ás telecomunicacións. Na súa intervención falou de cómo as cousas tiñan cambiado no mundo nestes últimos anos. Con ironía dixo que xa non estamos nos tempos da revolución francesa, polo menos en todo o mundo fóra de Francia, e que hai que replantexarse algúns conceptos desfasados dese período que non encaixan neste século XXI. Supoño que non se estaba a referir á Declaración de Dereitos do Home, porque nunha reviravolta conceptual asegurou que non se trata de coutar dereitos, trátase de priorizalos.
Leo en O imperio fronte á diversidade de Sami Nair: "O individualismo é o nucleo do vínculo social. Pero por outra parte, esta concepción non pode deixar de lado o feito de que o individuo é tamén, e ante todo, un ser social, un produto das relacións sociais. O vínculo social-liberal integra esta dimensión ao relacionala coas características primarias dos grupos, é dicir, étnicas, culturais e confesionais. É esta pertenza étnica, lingüística ou relixiosa a que se instaura coma identidade comunitaria do suxeito. Así, por exemplo, vincúlase ao traballador inmigrante á súa comunidade de orixe, de cultura, de raza e de relixión, e non á súa condición social de obreiro, asalariado que comparte a súa condición co resto dos asalariados. O vínculo social-liberal tende, pois, a reproducir á vez individuos aillados e comunidades prepolíticas, precidadás".
Os xóvenes musulmáns-anglo-pakistanís que se fixeron estoupar xunta centos de persoas inocentes o pasado sete de xullo en Londres son, para Benedicto XVI a proba de que só hai unha relixión boa en sí mesma, para o ministro inglés son a proba de que é necesario un recurte de liberdades para garantir a seguranza, e para Sami Nair son a proba de que nas "sociedades abertas occidentáis" -así lles chaman agora- algo está a fallar no que atinxe á inmigración e á relación cos países menos opulentos.
Polo que a min respecta todo isto proba o rexurdimento dunha sorte de Antigo Réxime posmoderno: mandatos hereditarios, discursos confesionáis, poder secular omnipotente, fundamentalismos, guerras santas e desaparición do concepto de cidadanía. Iso sí, todo televisado.

8.7.05

London, London

I'm wandering round and round nowhere to go
I'm lonely in London London is lovely so


"London London", Caetano Veloso.


Visitar unha grande metrópole é coma ter diante de ti o mundo todo en miniatura. Uns sete meses da miña vida transcurriron en Londres. Curiosamente, foi alí a primeira vez que souben cómo era unha mesquita por dentro. Liverpool Street, a estación de King Cross, a City, son algo máis que simples nomes. Son imaxes impregadas na miña retina, momentos vividos, sensacións, cheiros e sabores.
Abraia pensar o que pode ser unha explosión nun deses túneis do metro que tantas veces percorrín.
É algo semellante ao que debe sentir un rapaz de Damasco, ou do Cairo, ou do Líbano, cando ve as imaxes dos corpos destripados nas rúas de Bagdad ou nos camiños poeirentos de Palestina. Eses lugares amados, cheos de imaxes que se impregnan á retina, de momentos vividos, de sensacións, de cheiros, de sabores.

6.7.05

"Divertimento"

Ando a ler un voluminoso libro sobre as campañas militares de Napoleón escrito por David Chandler. Segundo este home, o día 25 de xullo de 1798 constituiu un fito na historia de Bonaparte: "dende ese día empezouse a perfilar o tirano cada vez con maior nitidez".
O motivo de ser ese un auténtico annus horribilis, foi que a súa dona Xosefina -aproveitando que él se atopaba degolando mamelucos en Exipto- lle fora infiel cun "xoven oficial moi acicalado" de nome Hippolyte Charles.
Bonaparte confesouse co seu irmán Joseph: "Aos meus 29 anos, a gloria perdeu todo o seu atractivo, apureino todo, e xa só me resta converterme nun auténtico egoista". Parecía que nesa idade-fronteira pechábase un ciclo na vida do xeneral.
Na fin dese mesmo ano, Napoleón encontrábase xa en Francia. O 9 e 10 de novembro participaría no chamado Golpe de Estado de Brumario que acabaría co Directorio que gobernaba o país ata ese momento. Poucos días despois Bonaparte sería nomeado Primeiro Cónsul, o gobernante de facto de Francia. O autor resume deste xeito o que isto significaba de cara aos tempos vindeiros: "Na andadura que remataría en Fontainebleau esperánbanlle a Púrpura Imperial, grandes vitorias e devastadoras derrotas, pero en decembro de 1799 o futuro parecía o suficientemente seguro e, aos seus 30 anos de idade, o primeiro cónsul non tiña razóns para temer ao futuro".
Todo isto viña a conto por unha tradición que inaugurei cando cumprín 25. Daquela aproveitei un textiño de Leopardi que falaba sobre esoutra idade-fronteira. Hoxe, emprego éste non para reclamar a Púrpura Imperial, pero sí para brindar por que a miña andadura sexa fértil en grandes vitorias e en devastadoras derrotas, será sinal de que estou vivo e de que, cando vía o mundo dende os meus apurados 29 anos, non tiña razóns para temer ao futuro. Saude!

5.7.05

Obituario dun esquío

Hoxe pola mañán vin un esquío. Rápido coma un lóstrego cruzouse na estrada. Avanzou, viume, recuou. A súa aparición colleume por sorpresa. Sen tempo para reaccionar, só puiden ver a súa cola axitarse.
Segundos despois o becho desaparecía debaixo do meu coche. Notei cómo a roda dereita sobrepasaba o bulto do malfadado. Aflito, mirei polo espello retrovisor: a cabeza e medio corpo estaban esmagados. A xentil criatura, xa non era máis que unha cola pegada a unha masa de sangue e carne informe. Sentínme culpable durante un bo tempo. Pola tarde, xa me esquecera del.
Agora, recordándoo, viñéronme dous nomes á cabeza: Fernando Esquío por razóns obvias; e Cioran, polo mesmo.
O primeiro escribiu aquilo de:
Seu arco na mão a las aves tirar,
e las que cantavan non as quer matar,
a las aves, meu amigo

Do segundo decidín resgatar o seguinte:
A vida é etérea e fúnebre como o suicidio dunha bolboreta.
Ou dun esquío, engado eu.

4.7.05

Porca miseria

- O pobo pasa fame, maxestade; non ten pan
- Se o pobo non ten pan, Por qué non come pasteis?

Atribuido a María Antonieta, muller de Luís XVI.

Londres, Johanesburgo, Filadelfia, Tokio, París, Berlín. Moradores nas cidades máis cosmopolitas -e máis ricas- do globo, reuníronse hai un par de días en multitudinarios concertos "contra a pobreza". (Podería alguén estar a favor dela?).
Madonna, Elton John, Paul McCartney, Will Smith, foron algúns dos líderes carismáticos. Nin cargas ideolóxicas. Nin referenzas incómodas. No concerto contra a pobreza económica a raiña foi a probreza intelectual.
Conclusión? Na cínica sociedade do espectáculo os que máis se laian da pobreza son os multimillonarios.